Coñece o sitio arqueolóxico

O sitio arqueolóxico de Pena Furada, en Coirós (A Coruña) é un enigmático saínte pedregoso nunha ladeira de forte pendente na que conflúen o río Torarou e o río Mendo. Malia a abundante maleza que coroa o outeiro, hai evidencias de traballos antrópicos en toda a área arqueolóxica, que permiten observar cando menos cinco áreas diferenciadas. Estes traballos humanos corresponden fundamentalmente a intervencións sobre pedra, creando escadas, cortando pedras para dificultar o acceso como estratexia defensiva e, na área central do esporón, unha sorte de podio definido e exento do seu contorno no que figura unha gravura dunha muller cun sexo moi remarcado, orientada en dirección Leste-Oeste, acompañada dun lacus, unha cavidade cuadrangular artificial. A figura é coñecida tradicionalmente como a Moura.

Noutras rochas tamén aparecen algunhas gravuras antropomorfas. Algunhas son claramente modernas, mentres que outras teñen unha orixe máis incerta.

Sobre este lugar pódense consultar no Anuario Brigantino en extenso dous textos. Un do seu descubridor, Antón Malde [ler pdf], e outro de Fernando Alonso Romero [ler pdf]. As interpretacións posibles son moitas, e non necesariamente excluíntes entre si: desde un santuario castrexo ou galaicorromano ata unha fortificación altomedieval, e as dúas realidades están moi escasamente investigadas desde a arqueoloxía en Galicia. É por iso que esta intervención tentará determinar as funcionalidades do lugar.

Promovido polo Concello de Coirós, quen achegará os medios humanos e mecánicos necesarios para limpar a área arqueolóxica, o arqueólogo Antón Malde, en colaboración co xornalista Manuel Gago, promoven unha Iniciativa de Voluntariado no sitio arqueolóxico de Pena Furada. O obxectivo é, nas dúas últimas fins de semana de setembro, realizar tarefas de limpeza das rochas e da área arqueolóxica, documentala e tentar aclarar as funcionalidades dun sitio arqueolóxico excepcional -pola súa rareza- en Galicia. Podes colaborar como voluntario escribindo a napenafurada@gmail.com.

Localización do sitio arqueolóxico